Unidade 7 – Cruz do Sur

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

11 xaneiro-21 xaneiro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1. a) En colaboración co departamento de informática, vemos o famoso cadro de Van Gogh A noite estrelada a través de diferentes posibilidades de realidade virtual e aumentada e relacionámolo co visto nas unidades anteriores.

Act.1. b) Reflexionamos sobre o ceo e as estrelas como motivo de inspiración artística e conectamos coa literatura galega. Lembramos os títulos que ofrece a nosa recompilación Unha constelación de libros, a disposición na biblioteca. Comentamos en voz alta aqueles que o alumnado leu voluntariamente nas vacacións de nadal.

Act.1. c) O ceo e figuras como Van Gogh tamén foron fonte de inspiración de milleiros de películas, curtas e documentais.

A partir de aquí coñecemos o festival de cinema de Ourense e o proxecto do que imos participar en colaboración co profesorado doutras áreas.

Os sons do ceo

Act. 2. A aproximación á obra de Van Gogh amósanos unha gran potencialidade de internet. Mais na rede tamén hai perigos. Lemos en voz alta o artigo Dereito ao esquecemento de Cristina Pato e compartimos impresións sobre os riscos da rede. Repasamos as normas de cortesía para os intercambios orais:

O diario de Antonia Ferrín

Act. 3. A partir do artigo de Pato traballamos o texto argumentativo. Explicamos as características deste tipo de textos. Unha parte do alumnado debe escribir textos argumentando a favor do dereito ao esquecemento e outra parte debe facelo en contra. Posteriormente, contrastamos as ideas.

Sala de máquinas

Act. 4. Empregamos os textos seleccionados e o de Cristina Pato para identificar estruturas sintácticas simples, as frases. Localizamos un exemplo de cada tipo de frase e analizamos a súa estrutura.

Act. 5. Traballamos o uso do esquema. Coa axuda dun editor de textos do ordenador da aula elaboramos un esquema coas características de cada tipo de frase. Arquivamos as elaboracións no Caderno de Astronomía para consultalas cando o precisemos.

Planetario

Act. 6. Vemos o seguinte vídeo sobre a nena Moraima, sorprendida de que a aplicación “Siri” non a entende ao falar galego. Reflexionamos sobre a lingua galega e a tecnoloxía. Abordamos os avances, as carencias e os prexuízos que están aínda vixentes. Anotamos as conclusións:

Act. 7. A partir do vídeo inferimos na aula as definicións de conflito lingüístico, diglosia e normalización. Facemos un mapa conceptual coas indicacións aprendidas no primeiro trimestre.

Act. 8. Coñecemos o Proxecto 21 días co galego.

Act. 8. a) O alumnado de 4º de ESO do IES participará desta iniciativa ao tempo que participa de OUFF Escola na elaboración dunha peza audiovisual para animar ao uso da lingua galega. A nosa clase contribuirá coa achega “Perseidas na lingua” amosando unha chuvia de ideas de persoas de diferentes ámbitos e idades animando a usar a lingua galega e contando como a emprega no seu día a día.

Act. 8. b) Convidamos ao alumnado a participar e empregar a lingua galega dentro e fóra do Instituto durante 21 días. Asinamos a acta. Rematado o reto cada alumno contará a súa experiencia e traballaremos na aula os novamente os conceptos de conflito lingüístico, diglosia, normalización e normativización a partir das súas experiencias persoais.

Na fronte unha estrela

Act. 9. A literatura galega no exilio. A través da páxina web Son de poetas escoitamos a versión do poema “As ratas”. Explicamos o contexto do exilio a partir dun remuíño de ideas sobre o poema e achegámonos a outras voces.

Act. 10. O resumo. Explicamos como se elabora un resumo e facemos un resumo das ideas principais do aprendido sobre a literatura do exilio.

Na órbita de Cruz do Sur

Act. 11. O exilio a través da pintura de Luís Seoane. Cada alumno escolle unha pintura de Luís Seoane e investiga sobre esta empregando o cadro como pretexto para profundarmos na realidade do exilio.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario