Unidade 6 – Coroa Boreal

3 de decembro-21 de decembro (4 sesións)

Enfocamos

Act. 1. Nesta unidade imos rematar o proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín. Compilamos a documentación elaborada nestas unidades, o manifesto, e a documentación dixital. Facemos unha videoconferencia con alumnado do CEIP de Portonovo, que fixo o curso pasado un traballo de investigación sobre a falta de nomes de mulleres no rueiro. Despois, entramos en GoogleMaps e repasamos o rueiro ourensán para sumar argumentos a prol da Rúa Antonia Ferrín para a nosa cidade.

Os sons do ceo

Act. 2. Preparamos unha presentación diante das demais clases da ESO, que están a traballar tamén en cadanseu proxecto. Achegamos as directrices e repasamos as estratexias para traballar en grupo, acadar consensos, expresar ideas e facer propostas, de maneira que cada alumno e alumna faga a súa respectando as quendas de intervención.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 3. Traballamos na aula as características do texto expositivo e da solicitude. A continuación, cada alumno e alumna escribirá unha solicitude para pedirlle ao Concello de Ourense que lle poña o nome de Antonia Ferrín a unha rúa. Ao remate da unidade, escolleremos a solicitude que máis nos guste e enviámola ao rexistro do concello achegando toda a nosa documentación.

Sala de máquinas

Act. 4. O verbo. Pedímoslles aos alumnos que accedan ao Curso de galego da Galipedia. Coa información obtida deberán elaborar un esquema e basearse nel para resolver exercicios de tipo estrutural propostos polo profesor.

Planetario

Act. 5. O galego e as leis. Pensamos na situación do galego na época de Antonia Ferrín a partir dunha posta en común do que lemos na súa folla de servizos (o primeiro contrato, a lingua na que se expresa, a data, o ámbito ao que pertence este texto…). A partir de aí facemos unha investigación pola evolución da lexislación galega desde comezo do século XX ata os nosos días.

Act. 6. Aproveitamos para reflexionar sobre o gran cambio que supuxo na conservación de textos a chegada das tecnoloxías da información e tomamos nota cunha pequena redacción escrita traballando a comparación.

Na fronte unha estrela

Act. 7. Amosamos todos os tesouros literarios elaborados ao longo deste trimestre na nosa exposición (murais, fotografías, proxeccións dos vídeos elaborados polo alumnado etc.). De fondo soarán os poemas musicados de Son de poetas, de autores do primeiro terzo do século xx.

Na órbita de Coroa Boreal

Act. 8. Convidamos a todos os alumnos do centro a coñecer o noso traballo Trala pegada de Antonia Ferrín. Acompañamos a solicitude ao concello coa recompilación de todos os informes, traballos, comentarios… constituíndo un gran expediente de información e coñecemento que abre unha xanela ao universo da achega das mulleres á cultura e á ciencia e ao universo da cultura e da lingua galega. Facemos unha posta en común do aprendido no trimestre.

Unidade 5 – Balea

16 de novembro – 30 de novembro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1 Visitamos o Centro Astronómico Trevinca, actividade en coordinación interdepartamental cos departamentos de Ciencias e Tecnoloxía.Previamente traballamos a busca de información.

Act. 2.  Arquivamos imaxes sobre os ceos de Ourense tiradas na nosa visita a Trevinca para o noso proxecto Tralos pasos de Antonia Ferrín. En grupos, elaboramos montaxes coas imaxes da saída e textos explicativos do aprendido na visita para compartir na web e nas RRSS do centro. Engadímolo ao noso Proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín.

Os sons do ceo

Act. 3. Falamos sobre a contaminación lumínica. Investigamos sobre as consecuencias que ten este fenómeno aproveitando o aprendido na nosa visita a Pena Trevinca. Tralas autorizacións pertinentes, gravamos vídeos curtos para as redes e a web do centro no que trataremos de concienciar á sociedade sobre este tipo de problemas a través de exposicións claras e ben estruturadas. Traballamos oratoria.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 4. O manifesto. Lemos o manifesto Máis Alá que abordaremos en termos literarios no apartado Na fronte unha estrela desta unidade e do que se fan 100 anos neste ano 2022.

Act. 5. Analizamos as características lingüísticas deste tipo de textos. Sistematizámolas no caderno.

Act. 6. Elaboramos un manifesto propio no que reivindiquemos a figura de Antonia Ferrín. Facémolo público a través da prensa e solicitamos adhesións aos diversos axentes sociais da cidade de cara a sumar apoios para a nosa petición de pedir unha rúa na súa honra.

Sala de máquinas

Act. 7. Visitamos a páxina da Revista Morcego. No apartado de reportaxes lemos o texto: Naves e planetas: o videoxogo mira cara ao espazo. A continuación buscamos os adverbios, as preposicións e as conxuncións que atopemos.

Act. 8. Organizamos as unidades lingüísticas atopadas e elaboramos un esquema no que iremos clasificando cada unha das unidades.

Act. 9. Realizamos os exercicios da páxina www.ogalego.eu para fixar a identificación destas categorías.

Act. 10. Ortografía. A acentuación. Repasamos as regras xerais de acentuación.

Act. 11. Autocorriximos en grupo os exercicios na aula.

Planetario

Act. 13. Escoitamos a seguinte canción: https://www.youtube.com/watch?v=cTbV4kpG4AU

Diriximos preguntas guiadas ao alumnado sobre o aranés de cara a adentrármonos no universo das linguas faladas na Península Ibérica.

Act. 14. En grupos investigamos sobre o universo plurilingüe da Península Ibérica e facemos pequenas exposicións en grupo nas que se amosen as características lingüísticas e sociolingüísticas de cada un dos idiomas.

Na fronte unha estrela

Act. 15. Presta atención ao seguinte vídeo.

Que idea de arte cres que transmite o director Hans Ritcher?

Cres que se corresponde coa concepción da arte que había ata entón?

Que diferenzas hai?

Act.16. A partir das ideas extraídas da actividade anterior, inferimos algunhas das características das vangardas europeas e sistematizámolas nun mapa conceptual.

Act 17. Realizamos unha nova aproximación ao manifesto “Máis Alá” e analizamos as súas ideas.

Act.18. Lemos textos de Manuel Antonio, Amado Carballo e Álvaro Cunqueiro e a partir deles tratamos as particularidades da vangarda galega. Seleccionamos algúns dos que fan referencia ao ámbito celestial, reflexionamos sobre o seu simbolismo e incorporámolos ao noso caderno de Astronomía como mostra da influencia do universo físico no literario.

Act. 19. Elaboramos un esquema que reflicta as diferentes formas da vangarda galega.

Na órbita de Balea

Act. 20. Satélite extra: convidamos a entrar no blog da Unidade didáctica da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) realizada por Pilar Ponte sobre as vangardas para ler máis textos ou pescudar, por exemplo, sobre a pintura e a vangarda explorando a Maruxa Mallo e outras figuras ou sobre o cine e a vangarda.

Unidade 4 – Casiopea

29 outubro -12 novembro (7 sesións)

Enfocamos

Act. 1. En colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro solicitamos unha actividade do centro con Luís Davila e adentrámonos na historia do humor gráfico galego a través do xenial humorista gráfico. Gardamos este descubrimento Nos ceos de Antonia Ferrín.

Nos sons do ceo

Act. 2. Dialogamos co noso artista gráfico. E prestamos a atención ao que nos di. Traballamos as estratexias de escoita activa.

Act. 3. Aprendemos a destacar unha idea principal. Os alumnos e alumnas seleccionarán con anterioridade a viñeta que máis lles guste do autor e, por quendas, dialogarán con Davila para lle explicaren o motivo da súa escolla.

Act. 4. Aprendemos a facer suxestións. Os alumnos e alumnas pensarán nunha anécdota da vida cotiá que poida motivar unha viñeta do autor e, por quendas, dialogarán con Davila para entender os mecanismos que emprega para elaborar as súas tiras cómicas.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 5. En grupos, preparamos un texto dialogado que reflicta a interacción mantida con Luís Davila.

Act. 6. A partir destes textos traballamos as características do texto dialogado. A continuación, asegurámonos de que os nosos textos cumpren as características traballadas.

Act. 7. A partir dos textos elaborados facemos unha posta en común para enviar o resultado ao xornal do instituto que edita o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Verificamos que os textos escritos sexan adecuados, coherentes e cohesionados.

Sala de máquinas

Act. 8. A partir das NOMIG chegámonos ao estudo sobre o identificador, o cuantificador, o numeral, o relativo, o interrogativo e o exclamativo. A partir destes cadros analizamos cada un destes tipos de palabras.

Act. 9. Realizamos exercicios estruturais para fixar os coñecementos.

Act. 10. Con h de humor. Elaboramos unha listaxe de palabras que se escriben h e outra de palabras que se escriben sen h e que se prestan a confusión. A continuación, pedímoslles aos alumnos que redacten un pequeno relato humorístico que lles permita lembrar aquelas palabras que levan a grafía estudada e as que non.

Act. 11. A partir da seguinte viñeta tirada do blog O Bicheiro traballamos o campo semántico das ferramentas. Achegamos exemplos e comentámolos.

Planetario

Act. 12. Consultamos o blog O bichero de Luís Davila. Nas etiquetas, seleccionamos a opción de Lingua. Analizamos cada unha das viñetas e intentamos detectar os prexuízos lingüísticos que se desprenden dalgunhas delas.

Act. 13. Clasificamos os prexuízos lingüísticos en función da súa orixe, da súa vixencia e da súa influencia.

Act. 14. Remuíño de ideas. Propoñemos na aula unha reflexión sobre cada un destes prexuízos para traballar o grao de consciencia do alumnado que ten sobre estes. 12 días a prol do galego. Elaboramos un pequeno texto para publicar nas RRSS do instituto no que compartamos estas reflexións sobre os prexuízos.

Act. 16. Cres que Antonia Ferrín padeceu tamén prexuízos por ser muller? Cres que empregar o galego nun ámbito como a astronomía naquel entón sería doado? Incorporamos as nosas conclusións á documentación do proxecto para engadir razóns para que unha rúa leve o seu nome.

Na fronte unha estrela

Act. 17. Visualizamos algunhas das láminas dos diferentes álbums de Castelao ata nos facer unha idea do pensamento do autor. Na aula soará de fondo a canción “Compañeiro Daniel”, de Suso Vaamonde. Visitamos en liña o Museo de Pontevedra, que atesoura boa parte do seu legado. Á vista do aprendido, elaboramos un esquema sobre a vida e a obra do autor.

Act. 18. Cada alumno e alumna escollerá unha imaxe de Castelao e redactará un breve texto, ao estilo de Cousas, sobre algún aspecto relacionado coa vida de Castelao. Ao rematar uniremos as achegas dos alumnos para confeccionarmos o noso propio libro, Cousas de Castelao e incorporámolo ao noso Caderno de Astronomía como exemplo dun dos autores máis senlleiros do noso universo literario.

Act. 19. Empregamos ese mesmo formato para que cada alumna faga unha “Cousa” sobre Antonia Ferrín. Compilamos as Cousas e facemos unha pequena publicación para repartir no centro.

Na órbita de Casiopea

Act. 20. Vemos o videopoema sobre Antonia Ferrín creado a partir dun poema de Estíbaliz Espinosa

Comentamos o poema e poñémolo en comparación co aprendido sobre a descrición, vendo as diferenzas entre unha descrición literaria e unha descrición máis obxectiva. Engadimos esta homenaxe á nosa documentación.

Unidade 3 – Auriga

19 outubro- 27 outubro (5 sesións)

Enfocamos

Act. 1. Poñémonos en contacto coa Asociación astronómica Sirio das Rías Baixas.  Propoñemos unha videoconferencia para que nos introduza na observación do ceo galego. Isto permitiranos afondar no ámbito de estudo de Antonia Ferrín, coñecer o léxico en galego da materia e preparar a nosa próxima saída a Pena Trevinca, prevista nas actividades extraescolares do centro.

Nos sons do ceo

Act. 2. Preparamos preguntas para lle facer ao representante da asociación astronómica sobre o traballo e investigacións que desenvolven.

Act. 3. Prestamos atención á fala do representante da asociación, galego-falante natural das  Rías Baixas, conectámolo cos coñecementos sobre variedade da lingua que comezamos a ver na unidade anterior.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 4. Traballamos o texto descritivo. A través da actividade proposta nas actividades 2 e 3 realizamos unha descrición sobre o observatorio de Cerdedo-Cotobade.

Act. 5. Mediante a explicación expositiva, traballamos na aula as características do texto descritivo. A través desta ligazón, e tras comprobar que a información que transmite é correcta, analizamos os diferentes tipos de descrición.

Act. 6. Pedímoslles aos alumnos e alumnas que fagan un esquema cos diferentes tipos de descrición e coas súas características. Facemos unha descrición física de Antonia Ferrín a partir das fotos que atopamos na nosa investigación anterior e engadímola no noso proxecto.

Sala de máquinas.

Act. 7.Traballamos o artigo a través do contemplado nas NOMIG sobre o artigo, o demostrativo e o posesivo. A partir destes cadros analizamos cada un destes determinantes prestando especial atención aos valores dos demostrativos e dos posesivos, así como á colocación do artigo ante posesivo.

Act. 8. Analizamos aqueles valores especiais do posesivo e demostrativo que lles poidan resultar máis alleos ao alumnado e pedímoslles que consulten cos maiores das súas casas se coñecen as formas ou se as empregan. Unha vez que temos estas respostas, na seguinte sesión, analizamos os usos e os contextos.

Act. 9. Realizamos exercicios prácticos estruturais para fixar os coñecementos.

Planetario

Act. 10. Repasamos a videoconferencia reparando na fala do vicepresidente da Asociación Astronómica Sirio. Repasamos os conceptos relacionados cos niveis diastrático e diafásico vistos na unidade anterior e profundamos na variación diatópica.

Act. 11. Escollemos algúns dos exemplos que máis chamen a atención do noso alumnado e buscamos a través de http://ilg.usc.es/ago/ como se realizan noutros puntos da xeografía. Por exemplo, maioritariamente no galego que escoitan predomina “tu” fronte a “ti”.

A partir desta reflexión elaboramos un mapa das características xerais das variedades diatópicas do galego e pescudamos máis información.

Na fronte unha estrela

Ao igual que o astrónomo visitou a nosa aula en Ourense, houbo na nosa historia outras persoas que tamén se adentraron no universo ourensán e de todo o país, mais dun xeito ben diferente: o Grupo Nós.

Act. 12. Caza de tesouros. Antes de comezar coa caza seleccionamos conceptos que definan o tempo do Grupo Nós. Características como atlantismo, vontade pedagóxica, formación intelectual etc. A continuación, empregando os ordenadores da aula de informática, deberemos atopar eses conceptos en menos dun minuto. Facemos varias procuras. O alumno ou alumna que dea co concepto explicaralle ao resto de compañeiros e compañeiras a súa descuberta. Organizamos e seleccionamos as respostas correctas ata conseguirmos un mapa conceptual con imaxes e características do Grupo Nós.

Act. 13. Adentrámonos na literatura do Grupo Nós a través dunha serie de textos dos autores do Grupo.

Act. 14. Localizamos algunhas das descricións que fai Risco na súa novela O porco de pé e traballamos e reforzamos o aprendido no texto descritivo.

Act. 15. Solicitamos que fagan descricións caricaturizadas sobre os autores do Grupo Nós.

Na órbita de Auriga

Act. 16. Realizamos un traballo de investigación no que explicar brevemente  o que foi o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Buscamos organismos, asociacións, etc que hoxe poidan ter semellanzas co SEG (por exemplo, o Consello da Cultura Galega) aos que poder escribir para pedir apoio ao noso proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín e na petición dunha rúa co seu nome en Ourense. Traballamos  a carta escrita.

Act. 17. E as mulleres do Grupo Nós? Lemos sobre a exposición monográfica da Biblioteca Nós de Ourense. Comprobamos que obras e autoras están na nosa biblioteca e facemos unha recompilación de suxestións para colocar na web do centro e no taboleiro informativo.

Unidade 2 – Augadeiro

1 outubro-15 outubro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1. A través do breve documental “A muller na ciencia” elaborado polo concello de Ames e o seu IES, reflexionamos sobre as razóns da invisibilización da muller na ciencia. Prestamos atención ao vídeo.

Act. 2. En conxunto, comentamos os aspectos máis destacables do documental. Provocamos pequenas intervencións en público na aula comentando estes aspectos. Explicamos as pautas para os debates. Facemos unha recompilación rápida de información e desenvolvemos un pequeno debate sobre se existe ou non discriminación hoxe en día.

Nos sons do ceo

Act. 3. Reflexionamos sobre o papel da muller na ciencia e na historia. Cales máis coñecemos?

Act. 4. No vídeo fálase das dificultades segundo a época. Pedímoslles ao alumnado que fale coas súas avoas, bisavoas ou mulleres maiores do seu contorno para facérmonos unha composición da memoria viva das mulleres e compartilo na aula.

Act. 5. De cara avanzar no noso proxecto, na medida do posible recollemos estas experiencias en soporte audiovisual. Escollemos algunhas destas experiencias, xa gravadas ou escritas para ser gravadas por nós. Así, relacionámolas coa invisibilización que sufriu Antonia Ferrín para incorporar estas experiencias ao noso dossier e demostrar que é un exemplo entre milleiros e merece ser homenaxeada.

Act. 6. Repasamos na aula algunhas das historias recollidas para fomentar así o respecto e o valor das mulleres na configuración da nosa identidade cultural e na contribución ao coñecemento do mundo e practicar o aprendido verbo da expresión oral.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 7. Na aula de informática, coa axuda do departamento, procuramos na rede manuais para editar vídeo. Seleccionamos un programa informático para traballar a edición de vídeos.

Act. 8. A fenda dixital do galego. Desafortunadamente, a informática é un dos eidos nos que á nosa lingua lle custa en ocasións atopar espazos. Mais para iso está a tripulación do Observatorio. En grupos, redactamos en galego o Manual de edición de vídeo do programa seleccionado.

Act. 9. O texto instrutivo. Partindo dos manuais vistos e do traballo que están a elaborar os nosos alumnos explicamos na aula as características do texto instrutivo.

Act. 10. Pedimos ao alumnado que cotexen os manuais de uso que prepararon coas características que debe ter un texto instrutivo. Corriximos os erros cometidos. Amosamos exemplos de ferramentas en rede que empregan o galego, como fala.gal.

Act. 11. Editamos con títulos de crédito, subtítulos e explicacións dos vídeos recollidos polo alumnado. Traballamos, en colaboración co departamento de informática, como se incorpora información ao noso nosceosdeantoniaferrin.fala.gal

Sala de máquinas

Act. 12. Explicamos na aula o substantivo con toda a súa variación, prestando especial atención á variación de xénero.

Act. 13. Reforzamos as aprendizaxes adquiridas a través de exercicios prácticos.

Act. 14. Corriximos e analizamos o xénero dos substantivos e dos adxectivos dos textos elaborados na unidade 1.

Act. 15. Non me “arrobes” a identidade. A través dun remuíño de ideas reflexionamos sobre a linguaxe inclusiva. Recollemos e organizamos os resultados nun esquema. Vemos algunhas ferramentas en liña sobre esta cuestión:

Planetario

Act. 16. Escoitamos novamente os vídeos gravados e prestamos especial atención ás variedades internas da lingua. A continuación, reflexionamos arredor das seguintes preguntas:

            -A lingua destas mulleres é propia do ámbito rural ou do urbano?

            -Prodúcese nunha situación formal ou informal?

            -Que amosa sobre o nivel social?

            -É a mesma fala que empregan as mozas e mozos de 4º da ESO?

Act. 17. A través das respostas destas preguntas reflexionamos sobre as variedades lingüísticas, prestando especial atención ás variedades diacrónicas e diatópicas.

Act. 18. Comparamos as mostras de falas recollidas coas mostras de fala que temos no Arquivo Sonoro de Galicia para que os alumnos identifiquen os diferentes bloques dialectais.

Na fronte unha estrela

Act. 19. Buscamos toda a documentación gráfica que atopemos sobre as Irmandades da Fala. Empregando os coñecementos adquiridos no programa informático da unidade 2 realizamos unha montaxe con fotos de membros das Irmandades da Fala, títulos e subtítulos explicativos etc. Incorporamos o material ao Caderno de Astronomía.

Act. 20. Autoavaliámonos. Unha vez rematadas estas actividades realizamos un novo remuíño de ideas para comprobar o grao de adquisición do coñecemento literario.

Act. 21. Realizamos lecturas de textos de autores das Irmandades da Fala valéndonos do libro de texto e das antoloxías da Real Academia dispoñibles en liña.

Act. 22. Sistematizamos os coñecementos adquiridos en esquemas sobre esta etapa literaria e traballamos estratexias de aprendizaxe e organización.

Na órbita de Augadeiro

Act. 23. a) Lemos un fragmento do artigo de Montse Dopico en Praza Pública sobre a invisibilización das mulleres das Irmandades da Fala.

Explicamos como no centenario do ano 2016 moitas autoras e institucións traballaron na recuperación da memoria.  Por exemplo, A Coruña das mulleres e poñémolo en relación con experiencias próximas como  https://mulleresourensas.blogspot.com/

b) Realizamos un traballo de investigación sobre as mulleres nas Irmandades da Fala e expoñémolo. Recompilamos isto no noso Caderno para falarmos da importancia de traballar a memoria das mulleres.

c) Ampliamos información facilitando un Podcast de Aurora Marco. Recompilamos información para engadir aos Ceos de Antonia Ferrín.

Unidade 1 – Andrómeda

19 setembro- 29 outubro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1. a) No seguinte vídeo poderemos ver unha recompilación de Ceos galegos 2021. Prestamos atención:

Act. 1. b) Remuíño de ideas. Reflexionamos en conxunto, que teñen que ver os ceos coa materia de Lingua Galega e Literatura? Facemos unha treboada de ideas sobre a relación entre o ceo, as constelacións, a lingua e a literatura. Anotamos as conclusións nun documento que leve por título o Universo literario galego.

Act.2. Comezamos a aventura Trala pegada de Antonia Ferrín coñecendo máis sobre os nomes das constelacións.

Entramos en ceosgalegos.com para aprendermos máis.

Os sons do ceo

Act. 3. Caza de tesouros (Treasure hunt). Con certeza, os elementos do ceo inspiraron o ser humano e a literatura ao longo dos tempos. En grupos, procuramos no noso contorno familiar ou de amizades algunha canción, poema musicado ou copla popular que consideremos que pode ter interese para o noso proxecto.

Act. 4. Distribuídos nos mesmos grupos, facemos exposicións orais na aula sobre as historias das constelacións que descubrimos. Podemos empregar mecanismos e ferramentas dixitais.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 5. Quen foi Antonia Ferrín? En grupos, comezamos a investigación sobre a primeira astrónoma galega. Cada grupo deberá redactar unha pequena aproximación (valéndose de buscas na rede, vídeos, etc.)  á súa figura. Diriximos as as investigación e propoñemos enfoques para acadar unha visón global da figura de Antonia.

Act. 6. Lemos en voz alta na clase cada un dos textos. Analizamos e explicamos as propiedades textuais de adecuación, coherencia e cohesión partindo dos textos do alumnado. Reforzamos a comprensión das propiedades textuais e das súas características ao tempo que coñecemos algo máis a Antonia Ferrín. Recollemos as pílulas de información no Caderno de Astronomía, comezando o Proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín pola aproximación á súa figura.

Sala de máquinas

Act. 7. A partir dun fragmento de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz traballamos as propiedades textuais prestando especial atención á coherencia. Como actividade de ampliación, o alumnado pode entregar unha redacción na que imaxina cal é a historia que vai desenvolver o protagonista a partir do recordo da primeira expedición á lúa e a súa relación coa adolescencia.

Act. 8. Remuíño de ideas. O noso ceo é…?

Motivamos a aparición de respostas na aula que respondan esta pregunta. Anotamos todos os adxectivos que saian e analizamos a súa forma e os seus graos.

Act. 9. Léxico.

Partindo do texto e da actividade anterior, sinalamos e traballamos as palabras relacionadas co campo semántico da astronomía.

Act. 10. Procuramos a través de internet frases feitas ou expresións do campo semántico traballado.

Practicamos co alumnado a pescuda a través de recursos como https://digalego.xunta.gal/

Act. 11. Ortografía.

Retomamos as historias relatadas na actividade 5 e revisamos os signos de puntuación básicos: punto, coma, punto e coma, puntos suspensivos, exclamación e interrogación.

Act. 12. Levamos a cabo a nosa autocorrección a través da investigación das regras de uso dos signos de puntuación citados.

Planetario

Act. 13. Unha historia de Mozambique, o canto mozambrú. Escoitamos a canción dos Diplomáticos de Monte Alto:

O noso Miño, que decorre a poucos metros do noso centro, desemboca nun mar que navegaron milleiros de galegos e galegas ao longo da historia. As estrelas de ceo guiaron durante moito tempo os nosos mariñeiros e moitos navegaron polas costas de Mozambique.  Alí, comprobaron como a nosa fala era moi parecida á dos nativos. Por que cres que acontece isto?

Imaxinamos exemplos máis próximos: quen ten avós ou avoas da raia? Quen fomos algunha vez a Chaves? Entendemos a lingua?

Act. 14. Achegámonos ao proxecto FRONTESPO, que estuda a lingua nas “raias” entre a nosa comunidade e a fronteira portuguesa. Colaboramos co departamento de Lingua castelá e literatura para que o alumnado coñeza tamén a realidade do contacto lingüístico entre o castelán e o portugués de norte a sur.

Na fronte unha estrela

Act. 15. Descubrimos a orixe do nome da nosa sección. Escoitamos o poema musicado por Emilio Batallán a través da voz de Berta Songs:

Act. 16. Ordenamos as ideas que vaian saíndo co fin de recordar que aprendemos o curso pasado do Rexurdimento e comprendemos cal era a situación inmediatamente anterior á etapa que imos descubrir, o primeiro terzo do século XX. 

Act. 17. Realizamos un mapa conceptual para explicar o contexto de comezos do século XX e os primeiros autores.

Act. 18. Vemos poemas de Cabanillas a Rosalía e buscamos palabras asociadas ao campo semántico do ceo e reflexionar sobre os elementos cósmicos como motivo literario. Vemos outros poemas de Cabanillas nos que aparece algunha referencia ao ceo ou ás estrelas, como Irlanda! ou Irmán Daniel. Completamos o mapa conceptual coas características de Cabanillas.

Na órbita de Andrómeda

Act. 19. A partir da selección de Cabanillas elaboramos unha videomontaxe sobre poemas e textos da literatura galega nos que aparecen referencias a constelacións, planetas, estrelas, etc para aproximármonos ao universo literario galego e construírmos os Ceos de Antonia Ferrín e completar o noso dossier. Colgamos a recompilación no Caderno de Astronomía. Buscamos no dicionario en liña da RAG aquelas palabras que non comprendemos. Miramos cales son os campos semánticos presentes.

Algúns exemplos:

María do Carme KruckenbergPura Vázquez
A lúa vixiante
na oscuridade da miña realidade,
sen saber da brancura
ingrávida do ceo.
A lúa xa non ten misterio
de eternidade,
non é máis que unha estrela
vagaxeira
que dá luz á negrura da noite;
aletexando o corazón silandeiro
que bate no presentimento
de plenitude.
E incomprensible que a inocencia
xa non teña sentido de claridade.
Aquí tomaron forma os meus beizos. Na luz dun posible universo ou predio alucinado. Nos beizos anainados por as aves do amor, arredor do meu verbo. Bitácora dun norte de fervor, landra dura i espesos aciñais voz de tenra cantiga e das miñas verdades.   O traveso da hora que entebrece o solpor, a que acende o soñar e dorme ó ribeirio. (Acaso frente a un norte de cinias e diamelas).   Onde a flor lembradoira que os ventíos abalan, seos nús onde nadan estrelas e perseidas, e o día prende as pombas ó pombar do rocío.

Act. 20.  Exploramos a recompilación de referencias seleccionada pola Agrupación Ío:

http://agrupacionio.com/gl/antonia-ferrin-moreiras/

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario