Unidade 6 – Coroa Boreal

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

3 de decembro-21 de decembro (4 sesións)

Enfocamos

Act. 1. Nesta unidade imos rematar o proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín. Compilamos a documentación elaborada nestas unidades, o manifesto, e a documentación dixital. Facemos unha videoconferencia con alumnado do CEIP de Portonovo, que fixo o curso pasado un traballo de investigación sobre a falta de nomes de mulleres no rueiro. Despois, entramos en GoogleMaps e repasamos o rueiro ourensán para sumar argumentos a prol da Rúa Antonia Ferrín para a nosa cidade.

Os sons do ceo

Act. 2. Preparamos unha presentación diante das demais clases da ESO, que están a traballar tamén en cadanseu proxecto. Achegamos as directrices e repasamos as estratexias para traballar en grupo, acadar consensos, expresar ideas e facer propostas, de maneira que cada alumno e alumna faga a súa respectando as quendas de intervención.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 3. Traballamos na aula as características do texto expositivo e da solicitude. A continuación, cada alumno e alumna escribirá unha solicitude para pedirlle ao Concello de Ourense que lle poña o nome de Antonia Ferrín a unha rúa. Ao remate da unidade, escolleremos a solicitude que máis nos guste e enviámola ao rexistro do concello achegando toda a nosa documentación.

Sala de máquinas

Act. 4. O verbo. Pedímoslles aos alumnos que accedan ao Curso de galego da Galipedia. Coa información obtida deberán elaborar un esquema e basearse nel para resolver exercicios de tipo estrutural propostos polo profesor.

Planetario

Act. 5. O galego e as leis. Pensamos na situación do galego na época de Antonia Ferrín a partir dunha posta en común do que lemos na súa folla de servizos (o primeiro contrato, a lingua na que se expresa, a data, o ámbito ao que pertence este texto…). A partir de aí facemos unha investigación pola evolución da lexislación galega desde comezo do século XX ata os nosos días.

Act. 6. Aproveitamos para reflexionar sobre o gran cambio que supuxo na conservación de textos a chegada das tecnoloxías da información e tomamos nota cunha pequena redacción escrita traballando a comparación.

Na fronte unha estrela

Act. 7. Amosamos todos os tesouros literarios elaborados ao longo deste trimestre na nosa exposición (murais, fotografías, proxeccións dos vídeos elaborados polo alumnado etc.). De fondo soarán os poemas musicados de Son de poetas, de autores do primeiro terzo do século xx.

Na órbita de Coroa Boreal

Act. 8. Convidamos a todos os alumnos do centro a coñecer o noso traballo Trala pegada de Antonia Ferrín. Acompañamos a solicitude ao concello coa recompilación de todos os informes, traballos, comentarios… constituíndo un gran expediente de información e coñecemento que abre unha xanela ao universo da achega das mulleres á cultura e á ciencia e ao universo da cultura e da lingua galega. Facemos unha posta en común do aprendido no trimestre.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario