Unidade 5 – Balea

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

16 de novembro – 30 de novembro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1 Visitamos o Centro Astronómico Trevinca, actividade en coordinación interdepartamental cos departamentos de Ciencias e Tecnoloxía.Previamente traballamos a busca de información.

Act. 2.  Arquivamos imaxes sobre os ceos de Ourense tiradas na nosa visita a Trevinca para o noso proxecto Tralos pasos de Antonia Ferrín. En grupos, elaboramos montaxes coas imaxes da saída e textos explicativos do aprendido na visita para compartir na web e nas RRSS do centro. Engadímolo ao noso Proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín.

Os sons do ceo

Act. 3. Falamos sobre a contaminación lumínica. Investigamos sobre as consecuencias que ten este fenómeno aproveitando o aprendido na nosa visita a Pena Trevinca. Tralas autorizacións pertinentes, gravamos vídeos curtos para as redes e a web do centro no que trataremos de concienciar á sociedade sobre este tipo de problemas a través de exposicións claras e ben estruturadas. Traballamos oratoria.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 4. O manifesto. Lemos o manifesto Máis Alá que abordaremos en termos literarios no apartado Na fronte unha estrela desta unidade e do que se fan 100 anos neste ano 2022.

Act. 5. Analizamos as características lingüísticas deste tipo de textos. Sistematizámolas no caderno.

Act. 6. Elaboramos un manifesto propio no que reivindiquemos a figura de Antonia Ferrín. Facémolo público a través da prensa e solicitamos adhesións aos diversos axentes sociais da cidade de cara a sumar apoios para a nosa petición de pedir unha rúa na súa honra.

Sala de máquinas

Act. 7. Visitamos a páxina da Revista Morcego. No apartado de reportaxes lemos o texto: Naves e planetas: o videoxogo mira cara ao espazo. A continuación buscamos os adverbios, as preposicións e as conxuncións que atopemos.

Act. 8. Organizamos as unidades lingüísticas atopadas e elaboramos un esquema no que iremos clasificando cada unha das unidades.

Act. 9. Realizamos os exercicios da páxina www.ogalego.eu para fixar a identificación destas categorías.

Act. 10. Ortografía. A acentuación. Repasamos as regras xerais de acentuación.

Act. 11. Autocorriximos en grupo os exercicios na aula.

Planetario

Act. 13. Escoitamos a seguinte canción: https://www.youtube.com/watch?v=cTbV4kpG4AU

Diriximos preguntas guiadas ao alumnado sobre o aranés de cara a adentrármonos no universo das linguas faladas na Península Ibérica.

Act. 14. En grupos investigamos sobre o universo plurilingüe da Península Ibérica e facemos pequenas exposicións en grupo nas que se amosen as características lingüísticas e sociolingüísticas de cada un dos idiomas.

Na fronte unha estrela

Act. 15. Presta atención ao seguinte vídeo.

Que idea de arte cres que transmite o director Hans Ritcher?

Cres que se corresponde coa concepción da arte que había ata entón?

Que diferenzas hai?

Act.16. A partir das ideas extraídas da actividade anterior, inferimos algunhas das características das vangardas europeas e sistematizámolas nun mapa conceptual.

Act 17. Realizamos unha nova aproximación ao manifesto “Máis Alá” e analizamos as súas ideas.

Act.18. Lemos textos de Manuel Antonio, Amado Carballo e Álvaro Cunqueiro e a partir deles tratamos as particularidades da vangarda galega. Seleccionamos algúns dos que fan referencia ao ámbito celestial, reflexionamos sobre o seu simbolismo e incorporámolos ao noso caderno de Astronomía como mostra da influencia do universo físico no literario.

Act. 19. Elaboramos un esquema que reflicta as diferentes formas da vangarda galega.

Na órbita de Balea

Act. 20. Satélite extra: convidamos a entrar no blog da Unidade didáctica da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) realizada por Pilar Ponte sobre as vangardas para ler máis textos ou pescudar, por exemplo, sobre a pintura e a vangarda explorando a Maruxa Mallo e outras figuras ou sobre o cine e a vangarda.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario