Unidade 4 – Casiopea

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

29 outubro -12 novembro (7 sesións)

Enfocamos

Act. 1. En colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro solicitamos unha actividade do centro con Luís Davila e adentrámonos na historia do humor gráfico galego a través do xenial humorista gráfico. Gardamos este descubrimento Nos ceos de Antonia Ferrín.

Nos sons do ceo

Act. 2. Dialogamos co noso artista gráfico. E prestamos a atención ao que nos di. Traballamos as estratexias de escoita activa.

Act. 3. Aprendemos a destacar unha idea principal. Os alumnos e alumnas seleccionarán con anterioridade a viñeta que máis lles guste do autor e, por quendas, dialogarán con Davila para lle explicaren o motivo da súa escolla.

Act. 4. Aprendemos a facer suxestións. Os alumnos e alumnas pensarán nunha anécdota da vida cotiá que poida motivar unha viñeta do autor e, por quendas, dialogarán con Davila para entender os mecanismos que emprega para elaborar as súas tiras cómicas.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 5. En grupos, preparamos un texto dialogado que reflicta a interacción mantida con Luís Davila.

Act. 6. A partir destes textos traballamos as características do texto dialogado. A continuación, asegurámonos de que os nosos textos cumpren as características traballadas.

Act. 7. A partir dos textos elaborados facemos unha posta en común para enviar o resultado ao xornal do instituto que edita o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Verificamos que os textos escritos sexan adecuados, coherentes e cohesionados.

Sala de máquinas

Act. 8. A partir das NOMIG chegámonos ao estudo sobre o identificador, o cuantificador, o numeral, o relativo, o interrogativo e o exclamativo. A partir destes cadros analizamos cada un destes tipos de palabras.

Act. 9. Realizamos exercicios estruturais para fixar os coñecementos.

Act. 10. Con h de humor. Elaboramos unha listaxe de palabras que se escriben h e outra de palabras que se escriben sen h e que se prestan a confusión. A continuación, pedímoslles aos alumnos que redacten un pequeno relato humorístico que lles permita lembrar aquelas palabras que levan a grafía estudada e as que non.

Act. 11. A partir da seguinte viñeta tirada do blog O Bicheiro traballamos o campo semántico das ferramentas. Achegamos exemplos e comentámolos.

Planetario

Act. 12. Consultamos o blog O bichero de Luís Davila. Nas etiquetas, seleccionamos a opción de Lingua. Analizamos cada unha das viñetas e intentamos detectar os prexuízos lingüísticos que se desprenden dalgunhas delas.

Act. 13. Clasificamos os prexuízos lingüísticos en función da súa orixe, da súa vixencia e da súa influencia.

Act. 14. Remuíño de ideas. Propoñemos na aula unha reflexión sobre cada un destes prexuízos para traballar o grao de consciencia do alumnado que ten sobre estes. 12 días a prol do galego. Elaboramos un pequeno texto para publicar nas RRSS do instituto no que compartamos estas reflexións sobre os prexuízos.

Act. 16. Cres que Antonia Ferrín padeceu tamén prexuízos por ser muller? Cres que empregar o galego nun ámbito como a astronomía naquel entón sería doado? Incorporamos as nosas conclusións á documentación do proxecto para engadir razóns para que unha rúa leve o seu nome.

Na fronte unha estrela

Act. 17. Visualizamos algunhas das láminas dos diferentes álbums de Castelao ata nos facer unha idea do pensamento do autor. Na aula soará de fondo a canción “Compañeiro Daniel”, de Suso Vaamonde. Visitamos en liña o Museo de Pontevedra, que atesoura boa parte do seu legado. Á vista do aprendido, elaboramos un esquema sobre a vida e a obra do autor.

Act. 18. Cada alumno e alumna escollerá unha imaxe de Castelao e redactará un breve texto, ao estilo de Cousas, sobre algún aspecto relacionado coa vida de Castelao. Ao rematar uniremos as achegas dos alumnos para confeccionarmos o noso propio libro, Cousas de Castelao e incorporámolo ao noso Caderno de Astronomía como exemplo dun dos autores máis senlleiros do noso universo literario.

Act. 19. Empregamos ese mesmo formato para que cada alumna faga unha “Cousa” sobre Antonia Ferrín. Compilamos as Cousas e facemos unha pequena publicación para repartir no centro.

Na órbita de Casiopea

Act. 20. Vemos o videopoema sobre Antonia Ferrín creado a partir dun poema de Estíbaliz Espinosa

Comentamos o poema e poñémolo en comparación co aprendido sobre a descrición, vendo as diferenzas entre unha descrición literaria e unha descrición máis obxectiva. Engadimos esta homenaxe á nosa documentación.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario