Unidade 3 – Auriga

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

19 outubro- 27 outubro (5 sesións)

Enfocamos

Act. 1. Poñémonos en contacto coa Asociación astronómica Sirio das Rías Baixas.  Propoñemos unha videoconferencia para que nos introduza na observación do ceo galego. Isto permitiranos afondar no ámbito de estudo de Antonia Ferrín, coñecer o léxico en galego da materia e preparar a nosa próxima saída a Pena Trevinca, prevista nas actividades extraescolares do centro.

Nos sons do ceo

Act. 2. Preparamos preguntas para lle facer ao representante da asociación astronómica sobre o traballo e investigacións que desenvolven.

Act. 3. Prestamos atención á fala do representante da asociación, galego-falante natural das  Rías Baixas, conectámolo cos coñecementos sobre variedade da lingua que comezamos a ver na unidade anterior.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 4. Traballamos o texto descritivo. A través da actividade proposta nas actividades 2 e 3 realizamos unha descrición sobre o observatorio de Cerdedo-Cotobade.

Act. 5. Mediante a explicación expositiva, traballamos na aula as características do texto descritivo. A través desta ligazón, e tras comprobar que a información que transmite é correcta, analizamos os diferentes tipos de descrición.

Act. 6. Pedímoslles aos alumnos e alumnas que fagan un esquema cos diferentes tipos de descrición e coas súas características. Facemos unha descrición física de Antonia Ferrín a partir das fotos que atopamos na nosa investigación anterior e engadímola no noso proxecto.

Sala de máquinas.

Act. 7.Traballamos o artigo a través do contemplado nas NOMIG sobre o artigo, o demostrativo e o posesivo. A partir destes cadros analizamos cada un destes determinantes prestando especial atención aos valores dos demostrativos e dos posesivos, así como á colocación do artigo ante posesivo.

Act. 8. Analizamos aqueles valores especiais do posesivo e demostrativo que lles poidan resultar máis alleos ao alumnado e pedímoslles que consulten cos maiores das súas casas se coñecen as formas ou se as empregan. Unha vez que temos estas respostas, na seguinte sesión, analizamos os usos e os contextos.

Act. 9. Realizamos exercicios prácticos estruturais para fixar os coñecementos.

Planetario

Act. 10. Repasamos a videoconferencia reparando na fala do vicepresidente da Asociación Astronómica Sirio. Repasamos os conceptos relacionados cos niveis diastrático e diafásico vistos na unidade anterior e profundamos na variación diatópica.

Act. 11. Escollemos algúns dos exemplos que máis chamen a atención do noso alumnado e buscamos a través de http://ilg.usc.es/ago/ como se realizan noutros puntos da xeografía. Por exemplo, maioritariamente no galego que escoitan predomina “tu” fronte a “ti”.

A partir desta reflexión elaboramos un mapa das características xerais das variedades diatópicas do galego e pescudamos máis información.

Na fronte unha estrela

Ao igual que o astrónomo visitou a nosa aula en Ourense, houbo na nosa historia outras persoas que tamén se adentraron no universo ourensán e de todo o país, mais dun xeito ben diferente: o Grupo Nós.

Act. 12. Caza de tesouros. Antes de comezar coa caza seleccionamos conceptos que definan o tempo do Grupo Nós. Características como atlantismo, vontade pedagóxica, formación intelectual etc. A continuación, empregando os ordenadores da aula de informática, deberemos atopar eses conceptos en menos dun minuto. Facemos varias procuras. O alumno ou alumna que dea co concepto explicaralle ao resto de compañeiros e compañeiras a súa descuberta. Organizamos e seleccionamos as respostas correctas ata conseguirmos un mapa conceptual con imaxes e características do Grupo Nós.

Act. 13. Adentrámonos na literatura do Grupo Nós a través dunha serie de textos dos autores do Grupo.

Act. 14. Localizamos algunhas das descricións que fai Risco na súa novela O porco de pé e traballamos e reforzamos o aprendido no texto descritivo.

Act. 15. Solicitamos que fagan descricións caricaturizadas sobre os autores do Grupo Nós.

Na órbita de Auriga

Act. 16. Realizamos un traballo de investigación no que explicar brevemente  o que foi o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Buscamos organismos, asociacións, etc que hoxe poidan ter semellanzas co SEG (por exemplo, o Consello da Cultura Galega) aos que poder escribir para pedir apoio ao noso proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín e na petición dunha rúa co seu nome en Ourense. Traballamos  a carta escrita.

Act. 17. E as mulleres do Grupo Nós? Lemos sobre a exposición monográfica da Biblioteca Nós de Ourense. Comprobamos que obras e autoras están na nosa biblioteca e facemos unha recompilación de suxestións para colocar na web do centro e no taboleiro informativo.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario