Unidade 1 – Andrómeda

Publicado por nosceosdeantoniaferrin o

19 setembro- 29 outubro (6 sesións)

Enfocamos

Act. 1. a) No seguinte vídeo poderemos ver unha recompilación de Ceos galegos 2021. Prestamos atención:

Act. 1. b) Remuíño de ideas. Reflexionamos en conxunto, que teñen que ver os ceos coa materia de Lingua Galega e Literatura? Facemos unha treboada de ideas sobre a relación entre o ceo, as constelacións, a lingua e a literatura. Anotamos as conclusións nun documento que leve por título o Universo literario galego.

Act.2. Comezamos a aventura Trala pegada de Antonia Ferrín coñecendo máis sobre os nomes das constelacións.

Entramos en ceosgalegos.com para aprendermos máis.

Os sons do ceo

Act. 3. Caza de tesouros (Treasure hunt). Con certeza, os elementos do ceo inspiraron o ser humano e a literatura ao longo dos tempos. En grupos, procuramos no noso contorno familiar ou de amizades algunha canción, poema musicado ou copla popular que consideremos que pode ter interese para o noso proxecto.

Act. 4. Distribuídos nos mesmos grupos, facemos exposicións orais na aula sobre as historias das constelacións que descubrimos. Podemos empregar mecanismos e ferramentas dixitais.

O diario de Antonia Ferrín

Act. 5. Quen foi Antonia Ferrín? En grupos, comezamos a investigación sobre a primeira astrónoma galega. Cada grupo deberá redactar unha pequena aproximación (valéndose de buscas na rede, vídeos, etc.)  á súa figura. Diriximos as as investigación e propoñemos enfoques para acadar unha visón global da figura de Antonia.

Act. 6. Lemos en voz alta na clase cada un dos textos. Analizamos e explicamos as propiedades textuais de adecuación, coherencia e cohesión partindo dos textos do alumnado. Reforzamos a comprensión das propiedades textuais e das súas características ao tempo que coñecemos algo máis a Antonia Ferrín. Recollemos as pílulas de información no Caderno de Astronomía, comezando o Proxecto Trala pegada de Antonia Ferrín pola aproximación á súa figura.

Sala de máquinas

Act. 7. A partir dun fragmento de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz traballamos as propiedades textuais prestando especial atención á coherencia. Como actividade de ampliación, o alumnado pode entregar unha redacción na que imaxina cal é a historia que vai desenvolver o protagonista a partir do recordo da primeira expedición á lúa e a súa relación coa adolescencia.

Act. 8. Remuíño de ideas. O noso ceo é…?

Motivamos a aparición de respostas na aula que respondan esta pregunta. Anotamos todos os adxectivos que saian e analizamos a súa forma e os seus graos.

Act. 9. Léxico.

Partindo do texto e da actividade anterior, sinalamos e traballamos as palabras relacionadas co campo semántico da astronomía.

Act. 10. Procuramos a través de internet frases feitas ou expresións do campo semántico traballado.

Practicamos co alumnado a pescuda a través de recursos como https://digalego.xunta.gal/

Act. 11. Ortografía.

Retomamos as historias relatadas na actividade 5 e revisamos os signos de puntuación básicos: punto, coma, punto e coma, puntos suspensivos, exclamación e interrogación.

Act. 12. Levamos a cabo a nosa autocorrección a través da investigación das regras de uso dos signos de puntuación citados.

Planetario

Act. 13. Unha historia de Mozambique, o canto mozambrú. Escoitamos a canción dos Diplomáticos de Monte Alto:

O noso Miño, que decorre a poucos metros do noso centro, desemboca nun mar que navegaron milleiros de galegos e galegas ao longo da historia. As estrelas de ceo guiaron durante moito tempo os nosos mariñeiros e moitos navegaron polas costas de Mozambique.  Alí, comprobaron como a nosa fala era moi parecida á dos nativos. Por que cres que acontece isto?

Imaxinamos exemplos máis próximos: quen ten avós ou avoas da raia? Quen fomos algunha vez a Chaves? Entendemos a lingua?

Act. 14. Achegámonos ao proxecto FRONTESPO, que estuda a lingua nas “raias” entre a nosa comunidade e a fronteira portuguesa. Colaboramos co departamento de Lingua castelá e literatura para que o alumnado coñeza tamén a realidade do contacto lingüístico entre o castelán e o portugués de norte a sur.

Na fronte unha estrela

Act. 15. Descubrimos a orixe do nome da nosa sección. Escoitamos o poema musicado por Emilio Batallán a través da voz de Berta Songs:

Act. 16. Ordenamos as ideas que vaian saíndo co fin de recordar que aprendemos o curso pasado do Rexurdimento e comprendemos cal era a situación inmediatamente anterior á etapa que imos descubrir, o primeiro terzo do século XX. 

Act. 17. Realizamos un mapa conceptual para explicar o contexto de comezos do século XX e os primeiros autores.

Act. 18. Vemos poemas de Cabanillas a Rosalía e buscamos palabras asociadas ao campo semántico do ceo e reflexionar sobre os elementos cósmicos como motivo literario. Vemos outros poemas de Cabanillas nos que aparece algunha referencia ao ceo ou ás estrelas, como Irlanda! ou Irmán Daniel. Completamos o mapa conceptual coas características de Cabanillas.

Na órbita de Andrómeda

Act. 19. A partir da selección de Cabanillas elaboramos unha videomontaxe sobre poemas e textos da literatura galega nos que aparecen referencias a constelacións, planetas, estrelas, etc para aproximármonos ao universo literario galego e construírmos os Ceos de Antonia Ferrín e completar o noso dossier. Colgamos a recompilación no Caderno de Astronomía. Buscamos no dicionario en liña da RAG aquelas palabras que non comprendemos. Miramos cales son os campos semánticos presentes.

Algúns exemplos:

María do Carme KruckenbergPura Vázquez
A lúa vixiante
na oscuridade da miña realidade,
sen saber da brancura
ingrávida do ceo.
A lúa xa non ten misterio
de eternidade,
non é máis que unha estrela
vagaxeira
que dá luz á negrura da noite;
aletexando o corazón silandeiro
que bate no presentimento
de plenitude.
E incomprensible que a inocencia
xa non teña sentido de claridade.
Aquí tomaron forma os meus beizos. Na luz dun posible universo ou predio alucinado. Nos beizos anainados por as aves do amor, arredor do meu verbo. Bitácora dun norte de fervor, landra dura i espesos aciñais voz de tenra cantiga e das miñas verdades.   O traveso da hora que entebrece o solpor, a que acende o soñar e dorme ó ribeirio. (Acaso frente a un norte de cinias e diamelas).   Onde a flor lembradoira que os ventíos abalan, seos nús onde nadan estrelas e perseidas, e o día prende as pombas ó pombar do rocío.

Act. 20.  Exploramos a recompilación de referencias seleccionada pola Agrupación Ío:

http://agrupacionio.com/gl/antonia-ferrin-moreiras/


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario